PRODUTO INTELIXENTE: O XEMELGO DIXITAL QUE OPTIMIZA A PRODUCIÓN DE MDF

Na súa aposta por unha fábrica intelixente e sostible, FINSA lidera o desenvolvemento dun produto intelixente capaz de anticiparse aos problemas, optimizar recursos e garantir a calidade na fabricación de taboleiros MDF. Co apoio de entidades expertas como Gradiant e a Universidade de Santiago de Compostela (USC), este reto céntrase na creación dun xemelgo dixital de produto e proceso: unha réplica virtual que simula en tempo real o que ocorre na liña de produción.

Eliminando ensaios e erros na produción

O obxectivo principal é deseñar unha arquitectura dixital robusta que integre sensores, modelos de intelixencia artificial e datos históricos e en tempo real. Isto permitirá monitorizar o proceso, predicir variables críticas como a humidade ou a densidade, detectar anomalías antes de que afecten ao produto e mellorar o control de calidade sen necesidade de ensaios destrutivos.

Entre os resultados agardados destaca a implementación de cinco demostradores piloto nas fábricas de Padrón, Orember e Santiago, que validarán o potencial desta tecnoloxía en escenarios reais:

  1. Un sistema de detección de anomalías en datos industriais, que enviará alertas en tempo real cando os sinais poidan comprometer a produción.
  2. Un sistema de predición avanzada de variables de proceso, integrado cunha interface gráfica para apoiar a toma de decisións.
  3. Modelos predictivos aplicados ao produto que permitirán avaliar a calidade de cada taboleiro a pé de liña, reducindo defectos e desperdicios.
  4. Un módulo de estimación de custos de materias primas en tempo real.
  5. Un demostrador do forno de impregnación de melamina, que modeliza o fluxo térmico e mellora o curado do papel.

Este desenvolvemento non só mellora a eficiencia e sostibilidade do proceso, senón que sitúa a industria galega da madeira na vangarda da Industria 4.0.

Publicacións similares