FORMACIÓN INMERSIVA: ADESTRAMENTO SEN PARAR A LIÑA DE PRODUCIÓN
A realidade virtual (RV) deixou de ser un experimento para converterse nunha ferramenta clave no bloque de mantemento intelixente de Finvalia. O noso piloto, desenvolvido en colaboración con Invel Technologies, dá resposta a un problema moi concreto: formar aos equipos de mantemento cando non se poden deter as máquinas e as tarefas implican risco, facelo no menor tempo posible e de forma escalable.
Que adestramos en RV?
O entorno inmersivo xa cobre todo o abano de tarefas de mantemento: inspeccións, mantementos preventivos, reparacións e procedementos de seguridade. Os operarios practican cada paso coas mans libres, sen poñer en risco a persoas nin activos, e sen interromper a produción, mediante dúas modalidades:
- Adestramento guiado: instrucións visuais e textuais conducen ao usuario paso a paso.
- Exame autónomo: o operario enfróntase ao proceso sen axuda; o sistema rexistra acertos e erros, envía os resultados ao LMS corporativo e sinala onde hai que reforzar coñecementos.
Beneficios medidos do mantemento intelixente
- Curva de aprendizaxe máis rápida: “a pescar apréndese pescando”; a práctica inmersiva mellora a retención e a confianza.
- Escalabilidade en tempo récord: o mesmo módulo de RV replícase en calquera fábrica que comparta o proceso (por exemplo, liñas de melamina), chegando a todo o equipo en días no canto de meses.
- Trazabilidade do coñecemento: os datos de cada sesión permiten detectar os pasos con máis erros e estandarizar a formación para todas as quendas.
- Retención do saber facer: o sistema recolle a experiencia dos técnicos senior e convértea nun catálogo de interaccións reutilizable para procesos futuros e certificacións internas.
Retos superados
A ausencia de seguimento ocular nos lentes resolveuse cun punteiro virtual que verifica onde mira o usuario e valida a inspección do manómetro ou do nivel de aceite. Ademais, a implicación de perfís junior e senior dende o primeiro día garantiu a aceptación do piloto e refinou a interface ata facela verdadeiramente intuitiva.
Próximos pasos
- Engadir novos procesos de alto risco (traballo en altura, bloqueo-etiquetado).
- Conectar a avaliación en RV co sistema de xestión do talento para emitir certificacións automáticas.
- Compartir a metodoloxía con outras pemes do consorcio para democratizar a formación inmersiva.
Con esta solución, Finvalia demostra que a industria 4.0 tamén se aprende con lentes postos, potenciando a seguridade, a eficiencia e a retención do coñecemento en toda a cadea de valor.