“AFRONTAMOS RETOS COMO A MELLORA DA TRAZABILIDADE EN TEMPO REAL, A REDUCIÓN DA PEGADA ECOLÓXICA E A AUTOMATIZACIÓN DE PROCESOS”

A impregnación de papel, os illamentos e outros procesos químicos son parte indispensable da innovación dentro da industria da madeira. Perfeccionar estas ferramentas é un dos obxectivos de Finvalia, proxecto no que se implicou Foresa, empresa que desde 1964 ofrece produtos e servizos baseados en avances químicos. Falamos con Jacinto Carrillo Martínez, responsable de FINVALIA dentro de Foresa.
Que papel desempeña a vosa empresa dentro do proxecto Finvalia?
A nosa participación en Finvalia baséase nunha colaboración activa. Como especialistas en química para a madeira, achegamos as nosas solucións e coñecemento técnico, pero tamén nos implicamos, como o resto de participantes, en propoñer retos e buscar respostas.
Todos compartimos un mesmo fin: contribuír á modernización da industria a través da dixitalización e a intelixencia artificial.
Que achega a vosa experiencia previa ao desenvolvemento de solucións neste proxecto?
Ao longo da nosa traxectoria, tivemos a oportunidade de participar en diversos proxectos, tanto nacionais como internacionais, centrados en áreas clave como a dixitalización industrial, a economía circular e a sustentabilidade. Esta experiencia proporcionounos unha aprendizaxe valiosa que agardamos poder achegar ao proxecto Finvalia.
Que retos específicos queredes resolver a través da transformación dixital?
Desde a nosa especialización, traballamos no desenvolvemento de solucións que axuden a optimizar a loxística interna, mellorar o control da produción e conseguir así unha industria máis integrada e sustentable.
O noso labor céntrase na base química do proceso, onde buscamos asegurar a trazabilidade e o control dos materiais para facilitar despois a súa integración en contornos dixitais.
Afrontamos retos importantes como a mellora desa trazabilidade en tempo real, a redución da pegada ecolóxica e a automatización de procesos. Confiamos en que estes avances nos axuden a evolucionar cara a un modelo de traballo máis fiable, automatizado e responsable, en sintonía co labor de innovación e mellora continua que desenvolvemos no sector químico.
Que beneficios agardades obter —tanto internos como para o sector— a medio prazo?
A nivel interno, agardamos que a aplicación de tecnoloxías como a intelixencia artificial nos axude a ser máis eficientes na xestión de activos, na planificación da produción e na loxística. Isto debería permitirnos minimizar erros e automatizar procesos para xerar unha química sustentable.
En canto ao sector, o noso obxectivo é contribuír a promover unha industria máis avanzada e responsable. Gustaríanos que as aprendizaxes e as solucións que xurdan deste proxecto puidesen ser de utilidade para outras empresas, servindo de apoio na transformación dixital e sustentable de toda a cadea de valor da madeira técnica.
Como imaxinades o futuro da industria da madeira tras iniciativas como Finvalia?
Visualizamos unha industria con procesos optimizados e controlados mediante tecnoloxías punteiras, onde a química é clave para crear produtos innovadores e acadar unha maior sustentabilidade.
Proxectos como Finvalia impulsan unha transformación integral que facilita un desenvolvemento responsable nos ámbitos produtivo, económico e social. A química será esencial para consolidar un modelo industrial máis circular e competitivo.